Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crúa realidade.
25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.
25/11/07
25 de novembro: Non á violencia doméstica
22/11/07
Tema do mes
Encontros con escritores
Estamos lendo ...
O alumnado de Cultura Clásica está lendo A escura luz do Tíber de Lola Gándara. A historia desenvólvese durante o mandato de Nerón. A protagonista é a pequena Marcia quen relata nos eus diarios a súa visión da vida, da morte, da amizade, do amor, e tamén da traizón e do asasinato.
Etiquetas:
Cultura Clásica,
Libros de lectura,
novela
14/11/07
Estamos lendo...

O alumnado de 1º de bacharelato está a ler Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo. É este un libro de relatos cuxos personaxes principais son mulleres, algunha documentada historicamente, que se rebelan contra a súa condición e contra o que a sociedade espera delas. A autora inclúe tamén personaxes tomados das lendas populares como as meigas, as xacias ou os trasgos. Contaremos coa presenza da autora no centro o próximo martes 20 de novembro ás 12.30h.
Estamos lendo...

O alumnado de 1º de ESO está a realizar o seu proxecto interdisciplinar sobre o libro de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días. Ao finalizar a lectura e as diferentes actividades relacionadas con ela exporán os seus traballos nos corredores do centro.
Etiquetas:
ciencia,
Libros de lectura,
novela
07/11/07
Buscamos logo
Magosto e xogos populares


Como estes anos pasados, celebramos o Magosto. A ANPA do centro invitounos a castañas e refrescos e o alumnado de 1º de Bacharelato, xunto cos seus profesores de Educación Física, preparou os xogos populares. Había billarda, ra, zancos, carreiras de sacos, ... Gozamos moito cos xogos, as castañas e o fermoso día. E houbo premios para os xogadores.
Outono e poesía


Para celebrar o prinicipio do curso e a chegada do outono, fixemos unha árbore no corredor da biblioteca cuxas follas son poemas que teñen como tema esta estación e todas as celebracións que nela facemos. Os poetas foron os alumnos e alumnas do instituto. En poucos días as follas caerán da árbore e deixarán paso ao inverno e a novas exposicións.
05/11/07
Semana da Oralidade
Subscrever:
Mensagens (Atom)