21/12/08

Guía de recomendacións para o tempo de Nadal


As bibliotecas municipais e escolares de Cambre estivemos traballando na elaboración dunha guía conxunta de suxestións para agasallos de Nadal. É este o terceiro traballo que realizamos en colaboración co concello e temos que dicir que a experiencia é sumamente enriquecedora. Estamos realmente moi orgullosos do resultado que vos presentamos e que repartimos en todos os centros de ensino do concello e que se distribúe tamén a través das bibliotecas municipais. Os centros que participamos no proxecto somos: Galescola, CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES Afonso X O Sabio e IES David Buján.



Desde as bibliotecas municipais e escolares de Cambre desexámosvos Bo Nadal e propoñémosvos esta guía de propostas para agasallar nas próximas festas. Incluímos libros para todas as idades, banda deseñada, dvds, cds, todo un mundo para gozar e compartir. É un traballo colaborativo feito con ilusión por todos nós.

Xa sabedes: Un libro sempre, tamén no Nadal.
Bo Nadal e Aninovo

18/12/08

Bo Nadal


Bo Nadal e Aninovo para toda a Comunidade Educativa do IES David Buján.











17/12/08

Encontros con escritores: Marica Campo

Hoxe visitou o noso instituto a escritora Marica Campo co obxecto de comentar o seu libro Confusión e morte de María Balteira co alumnado de 1º de Bacharelato. A escritora falou de libros e de bibliotecas. De bibliotecas reais como a de Alexandría e de bibliotecas imaxinarias como a de Babel.A escritora considera que ler é un acto de liberdade e reivindica que a lectura nos fai máis libres.

25/11/08

25 de novembro, tod@s contra a violencia de xénero

In Memoriam
El morreu hai trinta anos. A ela enterrárona estes días: morreu de vella.
El era un home sociable e ben relacionado. Ela non poñía o pé fóra de cen metros arredor da casa. El baixaba á vila tódolos días. Ela non ía nin ós enterros. El era violento e agresivo e mallaba nela día si e día tamén. Ela era traballadora, simpática e doce. El levantaba a man e o que lle cadrara. Ela sempre levaba caramelos no peto cos que convidaba ós nenos que lle pasaban pola porta.
El viviu protexido por un muro de silencio. Ela viviu presa tras do mesmo muro.
A morte del só a liberou das tundas.O muro caeu o día do enterro. Dela.
Novembro de 2008

Texto do CEIP Milladoiro de Malpica, video elaborado polo blog Trafegando ronseis.


25 de novembro, tod@s contra a violencia doméstica

08/11/08

O outono

A nosa árbore perdera as follas como todos os outonos, pero nós axudámos a que as recuperara escribindo poemas sobre o outono e vestindo a árbore con eles, aquí tedes o resultado.

24/10/08

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil


O autor Agustín Fernández Paz vén de ser galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede anualmente o Ministerio de Cultura. Este autor é ben coñecido por todos nós pois temos moitos libros del na biblioteca e algúns deles son moi populares entre os nosos lectores como Trece anos de Branca ou Cartas de inverno. A obra premiada é O único que queda é o amor, libro ilustrado por Pablo Auladell, onde o autor aborda o tema do amor en moitas variantes, desde o que xorde na adolescencia ata o que vai alén da morte.

22/10/08

José de Espronceda


Este ano celebrouse o segundo centenario do nacemento do poeta José de Espronceda. Nado en Almendralejo (Badajoz) o 25 de marzo de 1808, está considerado un dos mellores poetas do romanticismo español. Unha das súas obras máis populares é a Canción del pirata, obra na que se recolle o ideal romántico da liberdade. Se lles preguntades aos vosos pais e aos voso avós seguro que vos saben recitar as primeiras estrofas deste poema, quizais o máis famoso da lingua castelá.



Con diez cañones por banda,
viento en popa a toda vela,
no corta el mar, sino vuela,
un velero bergantín;
bajel pirata que llaman
por su bravura el Temido
en todo el mar conocido
del uno al otro confín.
La luna en el mar riela,
en la lona gime el viento
y alza en blando movimiento
olas de plata y azul;
y ve el capitán pirata,
cantando alegre en la popa,
Asia a un lado, al otro Europa,
Y allá a su frente Estambul:

Hai moitas versións deste poema, se prefires a música de rap segue esta ligazón.

E se che gusta o rock gustarache este vídeo de youtube:



Se prefires unha versión máis clásica:



19/10/08

O último Premio Nobel de Literatura


A pasada semana a Academia sueca concedeu o Premio Nobel de Literatura ao escritor francés Jean-Marie Gustave Le Clézio. Este escritor naceu en Niza en 1940 e está considerado uno dos escritores máis importantes de Francia. Se queres coñecer a obra deste autor podes consultar o libro de relatos Mondo e outras historias (Ed. Xerais) na biblioteca.

12/10/08

Volvemos a ler


Xa estamos de novo en marcha. Despois do remate das obras da biblioteca comenzamos de novo a nosa actividade. Volve o boletín da biblioteca, o club de lectura, os concursos varios e moitas novidades que poderedes consultar no bobletín de outubro. Como sempre precisamos da vosa colaboración. Esperámosvos na biblioteca.

20/06/08

Tira da corda ... e amárrate á lectura


Xa chega o verán e o curso remata, todos e todas estamos desexando gozar deste tempo de lecer que se aveciña. Para mantérmonos a flote na praia, no río ou na lagoa sigamos o lema “amárrate á lectura” que nos propón a guía de recomendacións para o verán que vén de publicar o Concello de Cambre.


Este verán, por vez primeira, as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos unha guía de lecturas única que será difundida por todo o concello a través das bibliotecas municipais, os centros educativos públicos e outras dependencias municipais.


Os centros escolares que colaboramos na elaboración desta guía somos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CEIP Emilio González López, CEIP O Graxal, CEIP Portofaro, CEIP Torrente Ballester, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.


Bo verán e boas lecturas.

18/06/08

Seguindo os pasos de Sir John Moore


Estamos lendo...


En 2º de ESO estiveron lendo The Corunna boats, novela escrita por Xelís de Toro que conta a retirada dos ingleses cara o porto de A Coruña no inverno de 1808-1809. A novela conta a batalla de Elviña e a morte do xeneral sir John Moore. Unha vez lida a novela fixemos unha excursión á cidade de A Coruña para ver os lugares onde se desenvolvía a obra. Aproveitamos para recitar diante da tumba de Moore no Xardín de San Carlos os poemas que Charles Wolfe e Rosalía escribiron en memoria do xeneral.

09/06/08

Premios Xerais

O pasado sábado entregáronse os Premios Xerais e os gañadores foron: Manuel Lourenzo González, de quen este curso lemos Irmán do vento, coa novela O xardín das Pedras Flotantes; Marilar Aleixandre, a quen coñecedes como autora de Rúa Carbón ou Expedición ao Pacífico, pola novela A cabeza de Medusa, e Mar Guerra quen gañou o Merlín con Xenaro e o misterio da mochila verde.

21/05/08

Comunicármonos

Acabamos de ver este fermoso video de Ponte nas ondas e queremos compartilo con todos e todas vós, fermosa metáfora a da lingua servindo de ponte para nos comunicar e nos comprender, para namorar, ...

14/05/08

Achégase o Día das Letras Galegas


Como sabedes, o sábado é o Día das Letras Galegas. Esta data vén celebrándose desde o ano 1963 e xorde como celebración da creación literaria en galego. A data escollida ten como orixe a celebración do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Todos os anos conmemórase un autor diferente e este ano o día rememora o poeta e ensaísta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Para saber máis deste autor propoñémosvos que sigades esta webquest que sobre a súa figura elaboraron os compañeiros/as dos IES de Fene e do Afonso X o Sabio de Cambre.

12/05/08

XV Certame Literario. Concello de Cambre


O 9 de maio falláronse os premios do XV Certame Literario do Concello de Cambre, nesta edición foron premiados os seguintes alumnos e alumnas deste IES:

Categoría B:

Segundo Premio de poesía: Cinthia Mourelle Schüsselin

Accesit poesía: Sandra Lantes Tasende e Alejandro Alonso Eiroa

Segundo Premio de narrativa: Blanca Mosquera Lareo

Accesit narrativa: Sara Iglesias Rivas

Categoría C:

Segundo Premio de narrativa: Marta Barbeito Garrido
Parabéns a todos os premiados

10/05/08

Día da Ciencia na Rúa




Como todos os anos os museos científicos coruñeses organizaron no Parque de Santa Margarida o Día da Ciencia na Rúa que vai pola súa décimoterceira edición. Este ano a nosa participación foi moi numerosa pois ata Coruña desprazáronse case cen alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Entre outros experimentos, realizáronse degustacións de produtos elaborados in situ e que tiveron moito éxito de público, estes encadrávanse nunha actividade denominada Ciencia e cociña. Non faltou unha exposición de libros relacionados con este tema.

Teatro




O xoves día 8 de maio o grupo de Teatro Rebuldeiro do IES Monte da Moas de A Coruña, estivo no noso centro para representar a obra de Jenaro Marinhas del Valle Pequena farsa dos amores desencontrados. A representación foi un éxito.

Correlingua 2008







O martes 6 de maio comezou o Correlingua, esta vez na cidade de A Coruña, seica eramos unhas 6.000 persoas as que fixemos o percorrido desde a Torre de Hércules ata os xardíns de Méndez Núñez. Foi unha marea azul que navegou pola cidade para berrar que "en galego cabe todo".

23/04/08

Juan Gelman, Premio Cervantes


Mi Buenos Aires querido

Sentado al borde de una silla desfondada,
mareado, enfermo, casi vivo,
escribo versos previamente llorados
por la ciudad donde nací.
Hay que atraparlos, también aquí
nacieron hijos dulces míos
que entre tanto castigo te endulzan
bellamente.

Hay que aprender a resistir.
Ni a irse ni a quedarse,
a resistir,
aunque es seguro
que habrá más penas y olvido

10/04/08

X Megacertame

Xa está aquí o Megacertame que este ano cumpre dez anos. Apúntate na Biblioteca. O luns comeza coa primeira preguntiña.

06/04/08

O principiño está de aniversario


Hoxe é o aniversario da publicación de O principiño escrito por Antoine de Saint-Exupéry. O libro foi publicado por vez primeira o 6 de abril de 1943, ou sexa que hoxe cumpre 65 anos. Durante todo este tempo convertiuse nun dos libros máis lidos e máis traducidos, pois podémolo atopar en 180 linguas distintas. Parabéns ao principiño e que cumpra moitos máis.

Entrega de premios

Mañá durante o segundo recreo na Biblioteca entregaranse os premios do certame Coñeces esta muller? e do concurso para atopar o logotipo da nosa biblioteca. Parabéns os gañadores e noraboa a todos/as os participantes. Vémonos na biblioteca.

Concurso Coñeces esta muller?

27/03/08

MENSAXE DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2008


Existen numerosas hipóteses sobre as orixes do teatro, pero a que máis me chama a atención é a que ten forma de fábula:
Unha noite, en tempos inmemoriais, un grupo de homes estaban reunidos nunha cova para se quecer ao redor do lume e contarse historias. De súpeto, un deles tivo a idea de se levantar e usar a súa sombra para ilustrar o seu relato. Axudándose da luz das chamas, fixo aparecer sobre as paredes personaxes máis grandes que os da realidade. Os seus compañeiros, abraiados, recoñeceron axiña ao forte e ao débil; ao opresor e ao oprimido, ao deus e ao mortal.
Hoxe en día, a luz dos proxectores substituíu ao lume orixinal e a maquinaria escénica, aos muros da cova. E, aínda que non lles guste a algúns puristas, esta fábula lémbranos que a tecnoloxía está na orixe mesma do teatro e que non debera ser percibida como unha ameaza senón como un elemento aglutinador.
A supervivencia da arte teatral depende da súa capacidade para reinventarse integrando as novas ferramentas e as novas linguaxes. Se non, como podería o teatro seguir sendo testemuña das grandes apostas da súa época e promover o entendemento entre os pobos, se non dá el mesmo proba de apertura? Como podería gabarse de ofrecer solucións aos problemas de intolerancia, de exclusión e racismo, se, na súa propia práctica, se negara a toda mestizaxe e a toda integración?
Para representar o mundo en toda a súa complexidade, o artista debe propor formas e ideas novas e ter confianza na intelixencia do espectador, que é quen de distinguir a silueta da humanidade dentro dese perpetuo xogo de luz e sombra.
E é certo que de tanto xogar con lume o home corre el risco de queimarse, pero ten tamén a posibilidade de asombrar e iluminar.
Robert Lepage
Québec, le 17 février 2008
World Theatre Day, 27 March 2008International Message by Robert Lepage

08/03/08

8 de marzo, Día da Muller

Amanece con pelo largo el día curvo de las mujeres,
¡Qué poco es un solo día, hermanas,
qué poco, para que el mundo acumule flores frente a nuestras casas!
De la cuna donde nacimos hasta la tumba donde dormiremos
-toda la atropellada ruta de nuestras vidas-deberían pavimentar de flores para celebrarnos
(que no nos hagan como a la Princesa Diana que no vio, ni oyó las floridas avenidas postradas de pena de Londres)
Nosotras queremos ver y oler las flores.
Queremos flores de los que no se alegraron cuando nacimos hembrasen vez de machos,
Queremos flores de los que nos cortaron el clítoris
Y de los que nos vendaron los pies
Queremos flores de quienes no nos mandaron al colegio para que cuidáramos a los hermanos y ayudáramos en la cocina
Flores del que se metió en la cama de noche y nos tapó la boca para violarnos mientras nuestra madre dormía
Queremos flores del que nos pagó menos por el trabajo más pesadoY del que nos corrió cuando se dio cuenta que estábamos embarazadas
Queremos flores del que nos condenó a muerte forzándonos a parira riesgo de nuestras vidas
Queremos flores del que se protege del mal pensamientoobligándonos al velo y a cubrirnos el cuerpo
Del que nos prohíbe salir a la calle sin un hombre que nos escolte
Queremos flores de los que nos quemaron por brujas
Y nos encerraron por locas
Flores del que nos pega, del que se emborracha
Del que se bebe irredento el pago de la comida del mes
Queremos flores de las que intrigan y levantan falsos
Flores de las que se ensañan contra sus hijas, sus madres y sus nuerasY albergan ponzoña en su corazón para las de su mismo género
Tantas flores serían necesarias para secar los húmedos pantanosdonde el agua de nuestros ojos se hace lodo;arenas movedizas tragándonos y escupiéndonos,de las que tenaces, una a una, tendremos que surgir.
Amanece con pelo largo el día curvo de las mujeres.
Queremos flores hoy.
Cuánto nos corresponde.
El jardín del que nos expulsaron.

Gioconda Belli, 8 de Marzo de 2007

Se queres escoitar o poema lido pola autora entra neste enlace.

07/03/08

Rita Levi-Montalcini: Loitadora pola Igualdade.

Rita Levi-Montalcini unha muller a quen a opresión de todo tipo acompañou ao longo da maior parte da súa vida. Non só pola súa decisión de ser científica, algo inconcebible na sociedade italiana de principios do século XX, senón tamén pola súa pertenza a unha familia liberal e xudea que fixeron da súa vida en aqueles anos un inferno continuo.


Rita Levi-Montalcini, un admirable exemplo de solidariedade e de loita pola igualdade

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Mulleres e arte. Equipo da biblioteca Sánchez Cantón de Pontevedra


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


IMOS CONTAR MENTIRAS!!!

Imos contar mentiras...

Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do 1º vídeo

05/03/08

10 Mulleres de Cine no Século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.

Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.



MARUJA MALLO: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.