19/12/07

Estamos lendo...



O inferno de Marta, Pascual Alapont. Conta as tribulacións dunha moza que comeza saír cun mozo que non é o que nun principio parece. A segunda parte da obra está composta por un ensaio titulado A máscara do amor, de Vicenter Garrido, que axuda a prever situacións de violencia.

Estamos lendo...


Aire negro, Agustín Fernández Paz. O doutor Novo comeza traballar nunha clínica psiquiátrica e ten como primeira paciente unha muller autista e coa memoria borrada. Aos poucos, o doutor conseguirá que ela volva recordar, pero ningún dos dous podían adiviñar que estaban abrindo a porta a unha realidade terrible. Unha novela de intriga para todos aqueles que gusten do xénero.

09/12/07

Os dereitos humanos

Os Dereitos Humanos son o conxunto de prerrogativas inherentes á natureza da persoa, cuxa realización efectiva resulta indispensábel para o desenvolvemento integral do individuo que vive nunha sociedade xuridicamente organizada. Estes dereitos, establecidos na Constitución e nas leis, deben ser recoñecidos e garantidos polo Estado. Poderiamos dicir mesmo que son aquelas esixencias que agroman da propia condición natural do home.
Cando falamos da palabra “dereito” facemos fincapé nun poder ou facultade de actuar, un permiso para obrar nun determinado sentido ou para esixir unha conducta doutro suxeito. E son chamados “humanos” porque son do home, de cada un de nós. O home é o destinatario destes dereitos. E así, reclaman recoñecemento, respecto e promoción por parte de tod@s e especialmente da autoridade. Por iso, estes dereitos son inherentes e inalienables. Os dereitos humanos son universais porque pertencen a todos os homes, a todos por igual, en todo tempo e lugar; atópanse de xeito innato ligados á natureza do home. Deben ser o piar das comunidades.
Porén, non son realmente respectados, existindo toda clase de violacións: privacións das liberdades fundamentais, torturas, imposibilidade de acceso aos servizos de saúde e auga potábel, uso de minas antipersoais, discriminación e actos terroristas que xeran catástrofes, xenocidio, nenos soldado, etc.

Ás veces, esquecémonos do realmente importante, ocupados como estamos no noso devir cotián. Son as cousas e as persoas cercanas as que realmente nos importan, as que nos fan sufrir ou aledarnos. Pero tamén sabemos que o noso oficio, o noso traballo, a nosa dedicación primeira e fundamental é formar a unha serie de persoas-proxecto, o cerne do futuro, as xeracións que poderán facer do mundo do mañá un universo máis xusto no que habitar. Somos educadores, e como tales, priorizamos tarefas como a que agora nos une. Debemos procurar que o noso alumnado reteña na súa retina e na súa memoria que días como o 25 de novembro, o 30 de xaneiro, o 8 de marzo… días coma o de hoxe existen porque hai persoas que sofren unha penuria diaria que contravén o espírito do ser humano que deberiamos abandeirar. É o noso labor tentar que eses sufrimentos non existan, que deixen de existiren eses días porque a sociedade do futuro, esa na que tanto temos nós que dicir –non o esquezamos, co noso propio exemplo- non as procura, non as necesita.
Por esta razón, aquí estamos, de novo, unidos por unha nova causa común, o Día dos Dereitos Humanos, denunciando a súa violación. Vímolo facendo dende hai tres días. Resulta, sen lugar a dúbidas, moi clarificador, que os nosos blogues estean unidos desde esas datas. Emotivo. Significativo. É o noso desexo seguir a loitar unidos. E conseguirémolo.

05/12/07

Estamos lendo...


A pedra da serpe, Milio Rodríguez Cueto

Estevo, un pobre rapaz dunha pequena aldea asturiana, intentará deseperadamente salvar a vida da súa irmá que foi mordida por unha serpe. Para logralo precisará da maxia da pedra da serpe e vivirá moitas aventuras que teñen como marco histórico a invasión francesa.

Estamos lendo...


Trece anos de Branca, Agustín Fernández Paz


Branca é unha rapaza chea de ilusións. Unha hepatite obrígaa a gardar cama durante uns meses, ela preoveita este tempo para facer un repaso das súas experiencias infantís. Partindo dun álbum cheo de fotografías evocará esas sensacións xa vividas. Sen embargo ela non está soa nin aillada do mundo, os seus amigos e amigas traeranlle noticias do que pasa no instituto.