Desde a Biblioteca A3P desexámosvos un Bo Nadal e un Feliz 2012.
22/12/11
Guía de Nadal 2011
Un ano máis, as bibliotecas municipais e escolares de Cambre publicamos a nosa Guía conxunta de recomendacións para agasallar e gozar no Nadal. Este ano participamos a Escola Infanil A Galiña Azul, o CEIP O Graxal, o CEIP Emilio González López, o CEIP Wenceslao Fernández Flórez, o IES Afonso X, O Sabio e o IES David Buján xunto coas Bibliotecas Municipais de Cambre. Esperamos que atopedes nesta guía inspiración para as vosas lecturas nestas datas. Felices Festas.
10/12/11
10 de decembro. Día dos Dereitos Humanos


25/11/11
25 de novembro, Día contra a violencia de xénero
Día Internacional contra violencia de xénero 2011 from trafegandoronseis on Vimeo.
08/11/11
Programa ARCE
O alumnado de 3º de ESO que participa no programa ARCE partiu onte do aeroporto de Lavacolla con destino Sevilla para tomar parte no encontro que os centros colaboradores deste programa teñen programado esta semana en Alxeciras. Alí realizarán unha serie de actividades ao redor dos libros e a lectura no marco do proxecto "Navegando entre libros" coordinado desde esta biblioteca. Os centros participantes xunto connosco son o IES Orriols de Valencia e o IES Torre Almirante de Alxeciras que é o anfitrión deste encontro.
24/10/11
Día das Bibliotecas Escolares
Celebramos o Día das Biblioteca Escolares e o Ano Internacional da Química cunha exposición de fondos da nosa biblioteca relacionados con esta materia. Ademais, podedes ver no vestíbulo e nos corredores diferentes paneis conmemorativos do Ano da Química que se corresponden coa exposición Entre moléculas. Nestes paneis están agochadas as respostas do concurso que podedes consultar na páxina web do centro. Ánimo e a participar!
13/09/11
As bibliotecas galegas despiden a Mª Dolores
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
10/09/11
A María Dolores, In memoriam
As liñas da vida son distintas
Como o son os camiños e das montañas, lonxe, a confindade.
O que aquí fomos poida un deus completalo
No alén, con harmonía e unha eterna paz.
22/06/11
Lecturas de verán
21/06/11
Proxecto Documental Integrado
01/06/11
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
17/05/11
Día das Letras Galegas 2011
08/05/11
Día da Ciencia na rúa 2011
21/03/11
Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 5
1. A que científica un diario de San Diego (California) referíase dicindo "Nai de San Diego gaña premio Nobel"?
2. Resolve a seguinte ecuación de 3º grao como o faría Hedu’Anna:
x3 + 2 x2 – 1.200 = 0
3. Que científica é considerada a “raíña da Teoría de Xogos” ?
4. Na actualidade e grazas a utilización destes algoritmos créanse fermosos efectos visuais que son amplamente empregados por la industria cinematográfica para producir, entre outras, paisaxes prodixiosas. De que algoritmos estamos a falar?
5. En 1880 gradúase en Griton College, pero ao ser muller prohíbenlle recibir o seu diploma na cerimonia de graduación. A que muller nos estamos referindo?
18/03/11
Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 4
1. A que muller lle escribe Einstein: “Que feliz son por encontrarte a ti, alguén igual a min en todos os aspectos, tan forte e autónoma coma min”?
2. A compositora finlandesa Kaija Saariaho fixo unha ópera en nove esceas, representada na Ópera de Lyon en 2010 que leva o nome dunha famosa científica. De que muller estamos a falar e como é o nome da ópera?
3. Cal dos seguintes números é “primo de Germain”?
a) 7 b) 11 c) 13 d) 17
4. Con que nome se coñece a guerra á que foi loitar o pai de Carolina Herschel en 1757?
5. Quen é a autora dun libro que fai o primeiro estudio integral da vida de Elena Cornaro Piscopia?
17/03/11
Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 3
1. Os seus traballos son de vital importancia para o avance do desenvolvemento da computadora.
2. Viviu en Tesalia (Grecia) no século II a.C. e a súa capacidade científica quedou cuestionada polo feito de ser muller.
3. Que científica, considerada como a primeira programadora que decidiu e preveu a capacidade das computadoras para ir máis aló dos simples cálculos dos números, foi discriminada pola súa condición de muller.
4. A quen e por que o Papa Benedicto XIV lle concedeu unha medalla de ouro e unha cátedra de Matemáticas na Universidade de Bolonia?
5. Foi discípula de Pitágoras e casou con el a pesar da diferenza de idade, de feito nalgúns escritos aparece como filla, a quen nos referimos?
16/03/11
Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 2
1. Despois de ler “Disquisicións aritméticas” de Gauss, desenvolveu unha grande paixón pola teoría dos números.
2. Revolucionou a didáctica da xeometría ao opinar que había que ensinar a xeometría manipulando corpos xeométricos en tres dimensións.
3. Foi a primeira muller membro da Academia Nacional das Ciencias de E.E.U.U. e a primeira que presidiu a Sociedade Matemática Americana.
4. Recibiu en 1968 a Medalla Morgan .
5. Iniciouse no estudo das matemáticas grazas ao seu profesor de pintura.