18/02/12

A música en Ollos de auga de Domingo Villar



A música en Ollos de auga de Domingo Villar é un traballo de Emma López e Nereida Rodríguez, alumnas de 4º de ESO B. Podes seguir as investigacións do inspector Leo Caldas ao tempo que escoitas a música ou, se segues lendo, ver todas as referencias musicais da novela.


THE MAN I LOVE – Billie Holliday (Páx.: 9)
Lois Reigosa escolleu un CD do andel, colocouno no equipo musical e serviu as bebidas nunhas copas anchas cuxos bordos refregara coa casca dun limón. Non sospeitou que eran as últimas que preparaba.
Oíron o fungar de vento cando baixaron abrazados ao cuarto. Dende o salón, Billie Holliday regaláballes The man I love.
Someday he’ll come along
The man I love
And he’ll be big and strong
The man I love.
________
Sonny Rollins, Lester Young e Charlie Parker
STELLA BY STARLIGHT – Victor Young (Páx.: 41)
Na libraría de obra do salón ordenábanse centos de discos compactos, practicamnete todos de jazz, en cinco grandes andeis. Os da repisa superior eran de vocalistas femininas, e os tres do medio constituían unha colección sobranceira dedicada por completo a saxofonistas. Xunto a moitos nomes descoñecidos, o inspector descubriu outros que lle resultaban moi familiares, como Sonny Rollins , Lester Young ou Charlie Parker.
No estante inferior aliñábanse multitude de partituras. Leo Caldas escolleu unha ao chou, que resultou ser Stella by Starlight para o saxo tenor, de Victor Young. Coñecía aquela peza, tíñaa na casa nunha versión de Stan Getz.
________
DAY IN, DAY OUT - Billie Holliday (Páx.:43)
Cando Clara Barcia rematou de esculcar nun dos cadros que os fíos formaban no chan, achegouse á seguinte fracción de alfombra, a máis próxima ao equipo musical e, sen querer, premeu no interruptor da cadea. Unha voz cálida de muller soou dende todos os recantos da peza.
Day in, day out.
That same old voodoo follows me about.
A moza buscou sen éxito a chave que detería a música.
—Perdón, perdón— escusouse, ruborizada pola súa torpeza.
—Por min podes deixala- dixo Caldas, restando importancia ao asunto.
—Iso que é?— gruñiu Estévez.
Billie Holliday —dixo o inspector indo até o equipo de música e subindo o volume. Clara Barcia sorriu e volveuse axeonllar no cadro que os fíos delimitaban na alfombra.
That same old pounding in my heart,
Whenever I think of you.
And baby I think of you
Day in and day out.
Estévez volveuse ao miradoiro cara á paisaxe que. entre lusco e fusco, lle permitiría esquecer os xenitais do morto.
—Sabe que é o que máis gusto desta torre, inspector?
—Que desde aquí non se mira a torre?- contestou Caldas sen achegarse á fiestra.
Estévez quedou calado, e a Holiday volveu chorar.
When there it is, day in, day out.
________
THE SHOW MUST GO ON – Queen (Páx.: 98)
Caldas reiteroulle as escusas polo inoportuno da aboraxe e ela confirmoulle que estaban para colaborar en todo aquilo que puidese esclarecer o asasinato do saxofonista. Citáronse en Vigo. Querían que o concerto desa noite no Grial fose unha homenaxe a Lois Reigosa. Comezaban a tocar ás dez. Despois, a iso das once e media, poderían falar con tranquilidade.
A Leo Caldas pareceulle bonito que quixesen despedilo con música, sen loito.
—Xa sabe, The Show Must Go On —despediuse Arthur O’Neil cun aceno tristeiro, como léndolle o pensamento.
________
EMBRACEABLE YOU – Irmáns Gershwin (Páx.: 105-106)
A música de fondo deixou de soar e as luces do Grial baixaron de intensidade até deixalo case ás escuras. Só o refulxir débil da barra e as chamas das candeas colocadas nas mesas iluminaban lixeiramente o local.
O son afogado do contrabaixo do irlandés rompeu o silencio expectante. Un foco cenital alumeou a Iria, pálida, e o seu piano negro. Afundiu os dedos nas teclas cos ollos pechados. Leo coñecía a peza: Embraceable You, dos irmáns Gershwin. Notas graves e ritmo pausado. Cumpría interpretala con sentimento e a Iria Ledo sobráballe.
________
LAURA - Charlie Parker
ANGEL EYES - Ella Fitzgerald (Páx.: 106-107)
Máis tarde subiu ao escenario un tal Xermán Díaz cunha zanfona. Caldas oíra que se estaban a introducir instrumentos galegos tradicionais nas bandas de jazz. Era a primeira vez que escoitaba aquela mestura e quedou abraiado. Tocaron Laura, de Charlie Parker, coa zanfona interpretando as notas que na melodía orixinal interpretaba o saxofón. O antigo instrumento non tiña os rexistros do saxo nin era doado de substituír o vento coa corda, mais a rinchante zanfona daba a sensación de chorar. Non choraba por Laura como Parker, senón por Reigosa.
O concerto rematou cunha dedicatoria de Iria e Lois Reigosa: Angel Eyes.
Caldas non esquecera a cor de auga das meniñas dos ollos do morto, e pensou que Ollos de Anxo era un acertado título para aquel tributo.
And why my angel eyes ain’t here
Oh, where is my angel eyes.
Cando, dende a barra, oíu a voz esgazada de Iria Ledo cantando entre bágoas, o inspector soubo que non existía un agasallo mellor.
Excuse me while I disappear
Angel eyes, angel ayes.
________
Thelonius Monk (Páx.: 111)
Ela sostivo a tarxeta na man sen lela.
—Cando foi a outra vez?— preguntou.
—A que se refire?
—Antes do concerto comentoume que viñera noutra ocasión ao Grial. A que se debeu tal honra, inspector Caldas?
—A un pianista americano... Bill Garner creo que se chamaba. Disque era fillo de Errol Garner. Sabe de quen falo?
—Por suposto, de Apolo.
—Apolo?
—Bill Garner, alcumado Apolo —explicoulle a muller—, non sei de quen é fillo. El pensa de si mesmo que é o novo Thelonius Monk, mais non creo que lle dea para tanto. Para algunhas cousas non é suficiente ser negro.

Sem comentários: