19/12/07

Estamos lendo...



O inferno de Marta, Pascual Alapont. Conta as tribulacións dunha moza que comeza saír cun mozo que non é o que nun principio parece. A segunda parte da obra está composta por un ensaio titulado A máscara do amor, de Vicenter Garrido, que axuda a prever situacións de violencia.

Estamos lendo...


Aire negro, Agustín Fernández Paz. O doutor Novo comeza traballar nunha clínica psiquiátrica e ten como primeira paciente unha muller autista e coa memoria borrada. Aos poucos, o doutor conseguirá que ela volva recordar, pero ningún dos dous podían adiviñar que estaban abrindo a porta a unha realidade terrible. Unha novela de intriga para todos aqueles que gusten do xénero.

09/12/07

Os dereitos humanos

Os Dereitos Humanos son o conxunto de prerrogativas inherentes á natureza da persoa, cuxa realización efectiva resulta indispensábel para o desenvolvemento integral do individuo que vive nunha sociedade xuridicamente organizada. Estes dereitos, establecidos na Constitución e nas leis, deben ser recoñecidos e garantidos polo Estado. Poderiamos dicir mesmo que son aquelas esixencias que agroman da propia condición natural do home.
Cando falamos da palabra “dereito” facemos fincapé nun poder ou facultade de actuar, un permiso para obrar nun determinado sentido ou para esixir unha conducta doutro suxeito. E son chamados “humanos” porque son do home, de cada un de nós. O home é o destinatario destes dereitos. E así, reclaman recoñecemento, respecto e promoción por parte de tod@s e especialmente da autoridade. Por iso, estes dereitos son inherentes e inalienables. Os dereitos humanos son universais porque pertencen a todos os homes, a todos por igual, en todo tempo e lugar; atópanse de xeito innato ligados á natureza do home. Deben ser o piar das comunidades.
Porén, non son realmente respectados, existindo toda clase de violacións: privacións das liberdades fundamentais, torturas, imposibilidade de acceso aos servizos de saúde e auga potábel, uso de minas antipersoais, discriminación e actos terroristas que xeran catástrofes, xenocidio, nenos soldado, etc.

Ás veces, esquecémonos do realmente importante, ocupados como estamos no noso devir cotián. Son as cousas e as persoas cercanas as que realmente nos importan, as que nos fan sufrir ou aledarnos. Pero tamén sabemos que o noso oficio, o noso traballo, a nosa dedicación primeira e fundamental é formar a unha serie de persoas-proxecto, o cerne do futuro, as xeracións que poderán facer do mundo do mañá un universo máis xusto no que habitar. Somos educadores, e como tales, priorizamos tarefas como a que agora nos une. Debemos procurar que o noso alumnado reteña na súa retina e na súa memoria que días como o 25 de novembro, o 30 de xaneiro, o 8 de marzo… días coma o de hoxe existen porque hai persoas que sofren unha penuria diaria que contravén o espírito do ser humano que deberiamos abandeirar. É o noso labor tentar que eses sufrimentos non existan, que deixen de existiren eses días porque a sociedade do futuro, esa na que tanto temos nós que dicir –non o esquezamos, co noso propio exemplo- non as procura, non as necesita.
Por esta razón, aquí estamos, de novo, unidos por unha nova causa común, o Día dos Dereitos Humanos, denunciando a súa violación. Vímolo facendo dende hai tres días. Resulta, sen lugar a dúbidas, moi clarificador, que os nosos blogues estean unidos desde esas datas. Emotivo. Significativo. É o noso desexo seguir a loitar unidos. E conseguirémolo.

05/12/07

Estamos lendo...


A pedra da serpe, Milio Rodríguez Cueto

Estevo, un pobre rapaz dunha pequena aldea asturiana, intentará deseperadamente salvar a vida da súa irmá que foi mordida por unha serpe. Para logralo precisará da maxia da pedra da serpe e vivirá moitas aventuras que teñen como marco histórico a invasión francesa.

Estamos lendo...


Trece anos de Branca, Agustín Fernández Paz


Branca é unha rapaza chea de ilusións. Unha hepatite obrígaa a gardar cama durante uns meses, ela preoveita este tempo para facer un repaso das súas experiencias infantís. Partindo dun álbum cheo de fotografías evocará esas sensacións xa vividas. Sen embargo ela non está soa nin aillada do mundo, os seus amigos e amigas traeranlle noticias do que pasa no instituto.

25/11/07

25 de novembro: Non á violencia doméstica

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crúa realidade.
25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

22/11/07

Tema do mes


Con motivo do Ano da Ciencia, o tema escollido para a exposición da biblioteca deste mes de novembro é "Literatura e ciencia".

Encontros con escritores


O martes 20 de novembro a escritora Marica Campo visitou o noso centro. No encontro co alumnado de Bacharelato falou da súa escrita e en concreto da obra Confusión e morte de María Balteira, que o alumnado tiña lido.

Estamos lendo ...


O alumnado de Cultura Clásica está lendo A escura luz do Tíber de Lola Gándara. A historia desenvólvese durante o mandato de Nerón. A protagonista é a pequena Marcia quen relata nos eus diarios a súa visión da vida, da morte, da amizade, do amor, e tamén da traizón e do asasinato.

14/11/07

Estamos lendo...



O alumnado de 1º de bacharelato está a ler Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo. É este un libro de relatos cuxos personaxes principais son mulleres, algunha documentada historicamente, que se rebelan contra a súa condición e contra o que a sociedade espera delas. A autora inclúe tamén personaxes tomados das lendas populares como as meigas, as xacias ou os trasgos. Contaremos coa presenza da autora no centro o próximo martes 20 de novembro ás 12.30h.

Estamos lendo...


O alumnado de 1º de ESO está a realizar o seu proxecto interdisciplinar sobre o libro de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días. Ao finalizar a lectura e as diferentes actividades relacionadas con ela exporán os seus traballos nos corredores do centro.

07/11/07

Buscamos logo


A nosa biblioteca precisa un logo e solicitamos a axuda de todos os alumnos e alumnas do centro. Convocamos un concurso para atopar o logo que nos represente, tedes as bases nas cortizas das aulas e nos corredores. Animádevos que o prazo remata o 23 de novembro.

Magosto e xogos populares




Como estes anos pasados, celebramos o Magosto. A ANPA do centro invitounos a castañas e refrescos e o alumnado de 1º de Bacharelato, xunto cos seus profesores de Educación Física, preparou os xogos populares. Había billarda, ra, zancos, carreiras de sacos, ... Gozamos moito cos xogos, as castañas e o fermoso día. E houbo premios para os xogadores.

Samaín







Como todos os anos, o alumnado de 2º de ESO preparou as cabazas e os carteis do Samaín. Este ano mesmo tivemos a visita dunha pantasma.

Outono e poesía




Para celebrar o prinicipio do curso e a chegada do outono, fixemos unha árbore no corredor da biblioteca cuxas follas son poemas que teñen como tema esta estación e todas as celebracións que nela facemos. Os poetas foron os alumnos e alumnas do instituto. En poucos días as follas caerán da árbore e deixarán paso ao inverno e a novas exposicións.

05/11/07

Semana da Oralidade


Celebramos a Semana da Oralidade na biblioteca con contacontos, monólogos, regueifas, ... Do 5 ao 9 de novembro, no segundo recreo, gozarás coas actuacións dos teus compañeiros e compañeiras.

30/10/07

Torneo Medieval

O luns 22 de outubro, Día Internacional das Bibliotecas Escolares, celebramos un Torneo Medieval na biblioteca do centro. Participaron neste torneo os alumnos e alumnas de 3º e 4º de PDC. Ao final do mesmo foron nomeados escudeiros/as aqueles alumnos/as que, axudados do seu enxeño, venceron na lide.

Día Internacional das Bilbiotecas Escolares




O 22 de outubro celebrouse o Día Internacional das Bibliotecas Escolares, así que celebramos o acontecemento con diversas actividades. Unha delas foi a elaboración de marcadores para libros. Esta actividade realizouna o alumnado de Cultura Clásica. Os marcadores ilustran diferentes expresións latinas. Houbo tres marcadores que destacaron entre os outros e que imprimimos e demos como agasallo da conmemoración. Podedes ver a exposición no vestíbulo do centro.

24/10/07

Xornadas de Acollida







Durante o mes de outubro celebráronse as Xornadas de Acollida na Biblioteca. Estas consisten en mostrarlle ao alumnado como está organizada a Biblioteca, como localizar un libro nela e como consultar o catálogo a través da rede. Para isto temos deseñado unha serie de xogos que se realizan en equipo. Este curso participaron nesta Xornada os grupos de 1º, 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato.

24/09/07

Benvidos ao novo curso

Comezamos un novo curso e con el estreamos libros, cadernos, aulas, ... Reencontramos amigos e compañeiros do pasado curso e coñecemos novos compañeiros e compañeiras que se convertirán en amigos inseparábeis durante este ano.

A Biblioteca comeza tamén a súa andaina e proximamente liberaremos máis libros para que vos acompañen nos tempos de lecer destes meses que compartiremos.

Xa sabedes, se queredes liberar algún libro dos lidos no verán, traédeo á biblioteca, así seguirá viaxando e non ficará esquecido nun andel.

22/05/07

Libros viaxeiros


Ola a todos/as!


Os libros viaxeiros xa iniciaron a súa andaina. Xa os podedes atopar na cafetería do centro e no corredor do primeiro andar. Só tedes que escoller o que máis vos apeteza, lelo e liberalo de novo nalgún destes lugares. Non vos esquezades de escribir a vosa opinión neste blog.


Contamos coa vosa colaboración.

10/05/07

Memorias de una vaca, Bernardo Artxaga


Orixinal historia que conta as vivencias dunha vaca, as diferentes experiencias que vive. Debes poñerte no lugar da vaca e entender o seu punto de vista, de todos xeitos pasarás un tempo divertido léndoo.

Un estudo en escarlata, Arthur Conan Doyle


Este libro conta a primeira aventura de Sherlock Colmes, aquí este famoso detective coñece ao seu fiel axudante e amigo, o doutor Watson. O caso xira ao redor do achádego dun cadáver nunca casa abandonada en Brixton (Reino Unido), coa palabra “Rache” escrita con letras de sangue na parede.

El oro de los sueños, José María Merino


É esta unha magnífica crónica da conquista de América narrada desde a mirada intelixente e lúcida dun mozo de quince anos. Ao longo das súas páxinas emerxerán territorios lonxanos e salvaxes, antigas cidades abandonadas desde tempos remotos, fabulosos tesouros, …

La biblia de barro, Julia Navarro


Novela electrizante na que viaxamos ata os tempos bíblicos pasando pola Europa da Segunda Guerra Mundial, Exipto, Siria, Estados Unidos, Italia, Francia, España e o Irak de Sadam, xusto antes do comezo da guerra.

Tuareg, Alberto Vázquez Figueroa


Gacel Sayah é tuareg. Uns homes asasinaron a un dos seus hóspede se raptado a outro. El, ferido no seu honor, cumpre a lei do tuareg e saen a súa procura asasinado acantos lle impiden rescatar ao seu hóspede. Ao final, convertido nunha lenda polas súas fazañas, conseguirá algo pero perderá algo máis importante.

A guerra dos mundos, H.G. Wells


Esta obra narra a invasión da Terra polos marcianos. Ben coñecida por todos grazas ás adaptación cinematográficas e moi famosa polo programa de radio que en 1938 realizou Orson Wells.

Juli, el mejor defensa, Joachim Masannek


Pertence á serie de novela “Las fieras fútbol club”. Nesta historia “Las fieras” teñen un novo estadio pero non todos os xogadores ían poder gozalo, Juli, o defensa do equipo, estaba a punto de meterse nun bo sarillo e só poderá saír del coa axuda dos seus amigos.

Historias del Kronen, José Ángel Mañas


Este libro conta a historia de Carlos, un estudante de boa familia que sae todas as noites e cuxa vida se basea principalmente no sexo, as drogas e o alcool que comparte cos seus amigos. Síntese fascinado pola violencia e isto levará a historia a un desenlace sorprendente.

Las aventuras de Lucky Luke, Gosciny/Morris



Catro aventuras deste vaqueiro tan particular, máis rápido co revolver ca súa propia sombra, sempre enfrontado aos irmáns Dalton.

En salvaje compañía, Manuel Rivas


Novela situada na Galicia dos nosos días pero que conserva toda a maxia dos tempos vellos. Os personaxes principias son os habitantes dunha aldea perdida, cuxas vidas son observadas por outros habitantes deste lugar no pasado reencarnados en animais. A acción céntrase na vida cotiá de Rosa, antiga guardesa do pazo de Arán.

Comenzamos a viaxe!

Ola a todos/as!
Comenzamos a experiencia de liberar libros no instituto. Esperamos que esta viaxe que agora comenzan os libros sexa longa e estea chea de experiencias inolvidábeis. Esperamos tamén que a estancia dos libros nas vosas mans sexa pracenteira e que compartades connosco a través deste blog as vosas opinións. Xa sabedes, a vosa misión é colaborar a que a viaxe que agora inician os libros chegue a bo porto.

23/04/07

Lberación de libros

Proximamente procederemos a liberar algúns libros no instituto, pretendemos que viaxen durante estes meses de maio e xuño e que todos aqueles e aquelas que os acompañedes na súa viaxe compartades connosco as vosas aventuras. Comentade os libros que vos acompañen durante estes meses neste blog.