08/11/08

O outono

A nosa árbore perdera as follas como todos os outonos, pero nós axudámos a que as recuperara escribindo poemas sobre o outono e vestindo a árbore con eles, aquí tedes o resultado.

24/10/08

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil


O autor Agustín Fernández Paz vén de ser galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede anualmente o Ministerio de Cultura. Este autor é ben coñecido por todos nós pois temos moitos libros del na biblioteca e algúns deles son moi populares entre os nosos lectores como Trece anos de Branca ou Cartas de inverno. A obra premiada é O único que queda é o amor, libro ilustrado por Pablo Auladell, onde o autor aborda o tema do amor en moitas variantes, desde o que xorde na adolescencia ata o que vai alén da morte.

22/10/08

José de Espronceda


Este ano celebrouse o segundo centenario do nacemento do poeta José de Espronceda. Nado en Almendralejo (Badajoz) o 25 de marzo de 1808, está considerado un dos mellores poetas do romanticismo español. Unha das súas obras máis populares é a Canción del pirata, obra na que se recolle o ideal romántico da liberdade. Se lles preguntades aos vosos pais e aos voso avós seguro que vos saben recitar as primeiras estrofas deste poema, quizais o máis famoso da lingua castelá.



Con diez cañones por banda,
viento en popa a toda vela,
no corta el mar, sino vuela,
un velero bergantín;
bajel pirata que llaman
por su bravura el Temido
en todo el mar conocido
del uno al otro confín.
La luna en el mar riela,
en la lona gime el viento
y alza en blando movimiento
olas de plata y azul;
y ve el capitán pirata,
cantando alegre en la popa,
Asia a un lado, al otro Europa,
Y allá a su frente Estambul:

Hai moitas versións deste poema, se prefires a música de rap segue esta ligazón.

E se che gusta o rock gustarache este vídeo de youtube:



Se prefires unha versión máis clásica:



19/10/08

O último Premio Nobel de Literatura


A pasada semana a Academia sueca concedeu o Premio Nobel de Literatura ao escritor francés Jean-Marie Gustave Le Clézio. Este escritor naceu en Niza en 1940 e está considerado uno dos escritores máis importantes de Francia. Se queres coñecer a obra deste autor podes consultar o libro de relatos Mondo e outras historias (Ed. Xerais) na biblioteca.

12/10/08

Volvemos a ler


Xa estamos de novo en marcha. Despois do remate das obras da biblioteca comenzamos de novo a nosa actividade. Volve o boletín da biblioteca, o club de lectura, os concursos varios e moitas novidades que poderedes consultar no bobletín de outubro. Como sempre precisamos da vosa colaboración. Esperámosvos na biblioteca.

20/06/08

Tira da corda ... e amárrate á lectura


Xa chega o verán e o curso remata, todos e todas estamos desexando gozar deste tempo de lecer que se aveciña. Para mantérmonos a flote na praia, no río ou na lagoa sigamos o lema “amárrate á lectura” que nos propón a guía de recomendacións para o verán que vén de publicar o Concello de Cambre.


Este verán, por vez primeira, as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos unha guía de lecturas única que será difundida por todo o concello a través das bibliotecas municipais, os centros educativos públicos e outras dependencias municipais.


Os centros escolares que colaboramos na elaboración desta guía somos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CEIP Emilio González López, CEIP O Graxal, CEIP Portofaro, CEIP Torrente Ballester, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.


Bo verán e boas lecturas.

18/06/08

Seguindo os pasos de Sir John Moore


Estamos lendo...


En 2º de ESO estiveron lendo The Corunna boats, novela escrita por Xelís de Toro que conta a retirada dos ingleses cara o porto de A Coruña no inverno de 1808-1809. A novela conta a batalla de Elviña e a morte do xeneral sir John Moore. Unha vez lida a novela fixemos unha excursión á cidade de A Coruña para ver os lugares onde se desenvolvía a obra. Aproveitamos para recitar diante da tumba de Moore no Xardín de San Carlos os poemas que Charles Wolfe e Rosalía escribiron en memoria do xeneral.

09/06/08

Premios Xerais

O pasado sábado entregáronse os Premios Xerais e os gañadores foron: Manuel Lourenzo González, de quen este curso lemos Irmán do vento, coa novela O xardín das Pedras Flotantes; Marilar Aleixandre, a quen coñecedes como autora de Rúa Carbón ou Expedición ao Pacífico, pola novela A cabeza de Medusa, e Mar Guerra quen gañou o Merlín con Xenaro e o misterio da mochila verde.

21/05/08

Comunicármonos

Acabamos de ver este fermoso video de Ponte nas ondas e queremos compartilo con todos e todas vós, fermosa metáfora a da lingua servindo de ponte para nos comunicar e nos comprender, para namorar, ...

14/05/08

Achégase o Día das Letras Galegas


Como sabedes, o sábado é o Día das Letras Galegas. Esta data vén celebrándose desde o ano 1963 e xorde como celebración da creación literaria en galego. A data escollida ten como orixe a celebración do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Todos os anos conmemórase un autor diferente e este ano o día rememora o poeta e ensaísta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Para saber máis deste autor propoñémosvos que sigades esta webquest que sobre a súa figura elaboraron os compañeiros/as dos IES de Fene e do Afonso X o Sabio de Cambre.

12/05/08

XV Certame Literario. Concello de Cambre


O 9 de maio falláronse os premios do XV Certame Literario do Concello de Cambre, nesta edición foron premiados os seguintes alumnos e alumnas deste IES:

Categoría B:

Segundo Premio de poesía: Cinthia Mourelle Schüsselin

Accesit poesía: Sandra Lantes Tasende e Alejandro Alonso Eiroa

Segundo Premio de narrativa: Blanca Mosquera Lareo

Accesit narrativa: Sara Iglesias Rivas

Categoría C:

Segundo Premio de narrativa: Marta Barbeito Garrido
Parabéns a todos os premiados

10/05/08

Día da Ciencia na Rúa




Como todos os anos os museos científicos coruñeses organizaron no Parque de Santa Margarida o Día da Ciencia na Rúa que vai pola súa décimoterceira edición. Este ano a nosa participación foi moi numerosa pois ata Coruña desprazáronse case cen alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Entre outros experimentos, realizáronse degustacións de produtos elaborados in situ e que tiveron moito éxito de público, estes encadrávanse nunha actividade denominada Ciencia e cociña. Non faltou unha exposición de libros relacionados con este tema.

Teatro




O xoves día 8 de maio o grupo de Teatro Rebuldeiro do IES Monte da Moas de A Coruña, estivo no noso centro para representar a obra de Jenaro Marinhas del Valle Pequena farsa dos amores desencontrados. A representación foi un éxito.

Correlingua 2008







O martes 6 de maio comezou o Correlingua, esta vez na cidade de A Coruña, seica eramos unhas 6.000 persoas as que fixemos o percorrido desde a Torre de Hércules ata os xardíns de Méndez Núñez. Foi unha marea azul que navegou pola cidade para berrar que "en galego cabe todo".