21/03/11

Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 5

Velaquí tedes as cinco últimas preguntas do concuso:

1. A que científica un diario de San Diego (California) referíase dicindo "Nai de San Diego gaña premio Nobel"?

2. Resolve a seguinte ecuación de 3º grao como o faría Hedu’Anna:

x3 + 2 x2 – 1.200 = 0

3. Que científica é considerada a “raíña da Teoría de Xogos” ?


4. Na actualidade e grazas a utilización destes algoritmos créanse fermosos efectos visuais que son amplamente empregados por la industria cinematográfica para producir, entre outras, paisaxes prodixiosas. De que algoritmos estamos a falar?

5. En 1880 gradúase en Griton College, pero ao ser muller prohíbenlle recibir o seu diploma na cerimonia de graduación. A que muller nos estamos referindo?

18/03/11

Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 4

Estas son as pistas de hoxe:

1.
A que muller lle escribe Einstein: “Que feliz son por encontrarte a ti, alguén igual a min en todos os aspectos, tan forte e autónoma coma min”?

2.
A compositora finlandesa Kaija Saariaho fixo unha ópera en nove esceas, representada na Ópera de Lyon en 2010 que leva o nome dunha famosa científica. De que muller estamos a falar e como é o nome da ópera?

3.
Cal dos seguintes números é “primo de Germain”?
a)
7 b) 11 c) 13 d) 17

4.
Con que nome se coñece a guerra á que foi loitar o pai de Carolina Herschel en 1757?

5.
Quen é a autora dun libro que fai o primeiro estudio integral da vida de Elena Cornaro Piscopia?

17/03/11

Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 3

Velaquí van as pistas de hoxe:

1. Os seus traballos son de vital importancia para o avance do desenvolvemento da computadora.

2. Viviu en Tesalia (Grecia) no século II a.C. e a súa capacidade científica quedou cuestionada polo feito de ser muller.

3. Que científica, considerada como a primeira programadora que decidiu e preveu a capacidade das computadoras para ir máis aló dos simples cálculos dos números, foi discriminada pola súa condición de muller.

4. A quen e por que o Papa Benedicto XIV lle concedeu unha medalla de ouro e unha cátedra de Matemáticas na Universidade de Bolonia?

5. Foi discípula de Pitágoras e casou con el a pesar da diferenza de idade, de feito nalgúns escritos aparece como filla, a quen nos referimos?

16/03/11

Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 2

Aquí tedes as preguntas do segundo día do concurso:

1. Despois de ler “Disquisicións aritméticas” de Gauss, desenvolveu unha grande paixón pola teoría dos números.

2. Revolucionou a didáctica da xeometría ao opinar que había que ensinar a xeometría manipulando corpos xeométricos en tres dimensións.

3. Foi a primeira muller membro da Academia Nacional das Ciencias de E.E.U.U. e a primeira que presidiu a Sociedade Matemática Americana.

4. Recibiu en 1968 a Medalla Morgan .

5. Iniciouse no estudo das matemáticas grazas ao seu profesor de pintura.

15/03/11

Concurso: Coñeces esta muller? Pistas 1

Velaquí estás as pistas para localizar as mulleres científicas. Lembra que as solucións están nos carteis da exposición do vestíbulo do instituto. Sorte!!

1. Publicou o primeiro libro en francés que trata o cálculo infinitesimal combinando as teorías de Newton e Leibniz.

2. Na súa tese de doutoramento válese do cálculo de probabilidades para analizar a órbita do electrón.

3. Qué muller científica ten en Vassar (USA) unha vidreira que conmemora o seu doutoramento?

4. Hai máis de 4000 anos, desde Babilonia, desempeñou un importante papel na evolución da Astronomía.

5. Xunto co seu irmán, participou no descubrimento do planeta Urano.

11/03/11

Concurso: Coñeces estas mulleres?


Un pouco máis tarde do acostumado por mor do Antroido, aquí tedes xa convocada a quinta edición do concurso Coñeces esta muller? Este ano cambiamos un pouco o formato. No vestíbulo do instituto tedes expostos uns cartaces con información sobre mulleres e ciencia. A partir do próximo martes 15 de marzo poderedes recoller as preguntas diarias na biblioteca. A información para responder as preguntas áchase na exposición, así que xa sabedes: visitade a exposición e respondede as preguntas. O concurso durará ata o luns 21 de marzo. De haber empate entre dous ou máis equipos faremos un desempate na biblioteca. Publicaremos as preguntas diariamente neste blog.
Aínda estades a tempo de vos apuntar, animádevos!!

13/02/11

San Valentín












Como cada ano celebramos San Valentín cun intercambio de cartas de amor, amizade, agradecemento, etc. Xa tedes as caixas de correo no vestíbulo do instituto, mañá distribuirase o correo polas clases. Ademais este ano temos outras propostas, un concurso de acrósticos e outro de películas románticas. Ánimo e a participar. Feliz San Valentin!!

07/02/11

Día da Paz

A pasada semana conmemoramos o Día da Paz. Na entrada do instituto colocáronse uns paneis para que todos puxéramos o que nos suxería a palabra Paz baixo o lema Digo Paz e digo... Nesta presentación podedes ver o resultado.

23/12/10

Un libro sempre... tamén no Nadal


As bibliotecas de Cambre queremos desexarvos unhas felices festas de Nadal e Aninovo. Velaquí a guía conxunta que elaboramos con propostas culturais para o lecer. Participamos nesta guía, que elaboramos por terceiro ano consecutivo as bibliotecas municipais e escolares co apoio do concello de Cambre. Os centros escolares que participamos na elaboración desta guía somos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CEIP Emilio González López, CEIP Torrente Ballester, CEIP O Graxal, CEIP Portofaro, IES Afonso X, O Sabio, e IES David Buján.
Bo Nadal e Aninovo e non vos esquezades: Un libro sempre… tamén no Nadal

21/12/10

Bo Nadal


O grupo da biblioteca quere desexarvos un Bo Nadal e Aninovo e que o Apalapador vos atope cos bandullos ben cheos e vos deixe moito agasallos, entre eles un ou varios libros.

02/12/10

Encontros con escritores: Fernando Marías


Hoxe visitou o noso centro o escritor Fernando Marías que veu falar da súa obra Zara y el librero de Bagdag co alumnado de 3º e 4º de ESO. Durante a súa conversa connosco contounos como xurdiu o libro e falounos das persoas reais e os acontecementos históricos que o inspiraron para escribilo.

09/11/10

Bibliotecas Escolares

As compañeiras do IES Sánchez cantón de Pontevedra mándannos esta montaxe sobre as Bibliotecas escolares e todos os servizos que prestamos. Grazas por partillala con nós.

31/10/10

Aniversario da Revista Nós


Onte cumpríronse 90 anos da publicación en Ourense do primeiro número da Revista Nós.Impulsada por Vicente Risco e con Castelao como director artístico, Nós supuxo un fito fundamental na nosa literatura. Nas páxinas de Nós publicaron non só os autores que pertencen ao grupo deste mesmo nome (Castelao, Risco, Otero Pedrayo ou López Cuevillas),senón tamén outros máis novos como Carballo Calero, Bouza Brey, Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor. A través desta Revista conseguiuse modernizar e europeizar a nosa cultura. Recomendamos a lectura do artigo que Freixanes publica hoxe en La Voz de Galicia.

07/10/10

Mario Vargas Llosa, Premio Nobel de Literatura 2010


A Academia sueca vén de nomear Premio Nobel de Literatura 2010 ao escritor peruano Mario Vargas Llosa, autor entre outras obras de La ciudad y los perros, La casa verde ou Pantaleón y las visitadoras.