18/05/09

Letras galegas 2009 (3)



DEITADO FRENTE AO MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque quero,
porque me gosta,
me peta e dame a gaña,
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós baleiros ,
non falo prós estupidos,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non quero arredar as miñas verbas de
todo os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, (terra miña,
berce da miña estirpe,)
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro

Sem comentários: