20/06/08

Tira da corda ... e amárrate á lectura


Xa chega o verán e o curso remata, todos e todas estamos desexando gozar deste tempo de lecer que se aveciña. Para mantérmonos a flote na praia, no río ou na lagoa sigamos o lema “amárrate á lectura” que nos propón a guía de recomendacións para o verán que vén de publicar o Concello de Cambre.


Este verán, por vez primeira, as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos unha guía de lecturas única que será difundida por todo o concello a través das bibliotecas municipais, os centros educativos públicos e outras dependencias municipais.


Os centros escolares que colaboramos na elaboración desta guía somos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CEIP Emilio González López, CEIP O Graxal, CEIP Portofaro, CEIP Torrente Ballester, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.


Bo verán e boas lecturas.

18/06/08

Seguindo os pasos de Sir John Moore


Estamos lendo...


En 2º de ESO estiveron lendo The Corunna boats, novela escrita por Xelís de Toro que conta a retirada dos ingleses cara o porto de A Coruña no inverno de 1808-1809. A novela conta a batalla de Elviña e a morte do xeneral sir John Moore. Unha vez lida a novela fixemos unha excursión á cidade de A Coruña para ver os lugares onde se desenvolvía a obra. Aproveitamos para recitar diante da tumba de Moore no Xardín de San Carlos os poemas que Charles Wolfe e Rosalía escribiron en memoria do xeneral.

09/06/08

Premios Xerais

O pasado sábado entregáronse os Premios Xerais e os gañadores foron: Manuel Lourenzo González, de quen este curso lemos Irmán do vento, coa novela O xardín das Pedras Flotantes; Marilar Aleixandre, a quen coñecedes como autora de Rúa Carbón ou Expedición ao Pacífico, pola novela A cabeza de Medusa, e Mar Guerra quen gañou o Merlín con Xenaro e o misterio da mochila verde.

21/05/08

Comunicármonos

Acabamos de ver este fermoso video de Ponte nas ondas e queremos compartilo con todos e todas vós, fermosa metáfora a da lingua servindo de ponte para nos comunicar e nos comprender, para namorar, ...

14/05/08

Achégase o Día das Letras Galegas


Como sabedes, o sábado é o Día das Letras Galegas. Esta data vén celebrándose desde o ano 1963 e xorde como celebración da creación literaria en galego. A data escollida ten como orixe a celebración do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Todos os anos conmemórase un autor diferente e este ano o día rememora o poeta e ensaísta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Para saber máis deste autor propoñémosvos que sigades esta webquest que sobre a súa figura elaboraron os compañeiros/as dos IES de Fene e do Afonso X o Sabio de Cambre.

12/05/08

XV Certame Literario. Concello de Cambre


O 9 de maio falláronse os premios do XV Certame Literario do Concello de Cambre, nesta edición foron premiados os seguintes alumnos e alumnas deste IES:

Categoría B:

Segundo Premio de poesía: Cinthia Mourelle Schüsselin

Accesit poesía: Sandra Lantes Tasende e Alejandro Alonso Eiroa

Segundo Premio de narrativa: Blanca Mosquera Lareo

Accesit narrativa: Sara Iglesias Rivas

Categoría C:

Segundo Premio de narrativa: Marta Barbeito Garrido
Parabéns a todos os premiados

10/05/08

Día da Ciencia na Rúa




Como todos os anos os museos científicos coruñeses organizaron no Parque de Santa Margarida o Día da Ciencia na Rúa que vai pola súa décimoterceira edición. Este ano a nosa participación foi moi numerosa pois ata Coruña desprazáronse case cen alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Entre outros experimentos, realizáronse degustacións de produtos elaborados in situ e que tiveron moito éxito de público, estes encadrávanse nunha actividade denominada Ciencia e cociña. Non faltou unha exposición de libros relacionados con este tema.

Teatro




O xoves día 8 de maio o grupo de Teatro Rebuldeiro do IES Monte da Moas de A Coruña, estivo no noso centro para representar a obra de Jenaro Marinhas del Valle Pequena farsa dos amores desencontrados. A representación foi un éxito.

Correlingua 2008







O martes 6 de maio comezou o Correlingua, esta vez na cidade de A Coruña, seica eramos unhas 6.000 persoas as que fixemos o percorrido desde a Torre de Hércules ata os xardíns de Méndez Núñez. Foi unha marea azul que navegou pola cidade para berrar que "en galego cabe todo".

23/04/08

Juan Gelman, Premio Cervantes


Mi Buenos Aires querido

Sentado al borde de una silla desfondada,
mareado, enfermo, casi vivo,
escribo versos previamente llorados
por la ciudad donde nací.
Hay que atraparlos, también aquí
nacieron hijos dulces míos
que entre tanto castigo te endulzan
bellamente.

Hay que aprender a resistir.
Ni a irse ni a quedarse,
a resistir,
aunque es seguro
que habrá más penas y olvido

10/04/08

X Megacertame

Xa está aquí o Megacertame que este ano cumpre dez anos. Apúntate na Biblioteca. O luns comeza coa primeira preguntiña.

06/04/08

O principiño está de aniversario


Hoxe é o aniversario da publicación de O principiño escrito por Antoine de Saint-Exupéry. O libro foi publicado por vez primeira o 6 de abril de 1943, ou sexa que hoxe cumpre 65 anos. Durante todo este tempo convertiuse nun dos libros máis lidos e máis traducidos, pois podémolo atopar en 180 linguas distintas. Parabéns ao principiño e que cumpra moitos máis.

Entrega de premios

Mañá durante o segundo recreo na Biblioteca entregaranse os premios do certame Coñeces esta muller? e do concurso para atopar o logotipo da nosa biblioteca. Parabéns os gañadores e noraboa a todos/as os participantes. Vémonos na biblioteca.

Concurso Coñeces esta muller?